Na Cuarta provincia da Hispania
Romana correndo o ano 15 da vixésimo
primeira centuria da era dos Agnus Dei.
Cando todos pensaban estar dominados por cabazas e colondros que en noites de ánimas vagan pola recóndita
escuridade, a rexión da gallaecia auriensis, terra das quentes augas, no outeiro
que nace o sol e que chaman Os Gozos, un grupo de nativos vidos dos máis afastados
lugares da xeografía política do imperio
dispoñíanse a festexar un dos máis ancestrais ritos de orixe incerta nos recunchos ocultos dos vástagos culturais
dos seus primeiros moradores.
Xentes de toda condición e idade que axuntando esforzos e
vontades piden ao bosque amigo, surcado polo río tranquilo
do Grañal, todo o necesario para dar
vida ao lume, espírito purificador de
almas e corpos e buscan desesperadamente a personaxes
máxicos que cospen fume pola boca para que lles presten o chisqueiro e acender
a fogueira... que a este paso non sei cando imos comer!!.
Sabias mans e dilixentes dedos
de expertos manipuladores
bendicen os alimentos que imos tomar cortando, bullando e o que faga falla para que estean a gusto
de todos os comensais presentes.
O pobo confabulouse coa OMS (Orde da Morcilla e
Salchichón) para dar conta do churrasco de roiba galega, que non vermella, seguindo o consello
de evitar esa cor maldita da carne que produce non sei que segundo a OMS
(Organización Mundial da Saúde).
Reputados alquimistas da rexión do
val converten a colleita de leña trasegada
en ardentes e vermellas ascuas onde as
máis diversas vituallas
transfórmanse nos máis exquisitos manxares grazas ao bo facer do master Chef e os seus axudantes, que non
axudantas, deixando en ascuas a todos e
todas.
Os servizos de intendencia e
loxística montaron o comedor de campaña e
todos os presentes puideron gozar
das estupendas viandas aderezadas cunha
moi boa temperatura estival baixo
o inigualable manto da amizade e camaradería demostrada en todo
momento e que deu paso ao rito pagán
dos magostos: lume, fume, faíscas.
Chourizos, criollos, churrasco. Viño, augardente, licores… castañas. E
moitos ovos.
E pintura de guerra de magostos.
Tizóns negros en máns negras para maquillaxe de caras brancas.
O sol marchábase po la cidade das
augas quentes e cantareiras e gaiteiros quixeron despedilo coas cancións e bailes que a historia milenaria da nación de Breogan
atesoura nas súas entrañas e foi entón,
cando a gaita soa e as ferreñas das pandeiretas trepidan ao ritmo dunha muiñeira, cando
o baile tradicional dun pobo
convértese na esencia do seu ser e na
mellor despedida para unha festa que celebramos sempre á beira da nai natureza.
Nesta ligazón tedes unhas fotos do evento.
https://youtu.be/DgQonkQhQO4
Nesta ligazón tedes unhas fotos do evento.
https://youtu.be/DgQonkQhQO4
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Puedes dejar un comentario.