sábado, 3 de diciembre de 2011

O TEMPO




Segundo indica o mapa do satélite podemos apreciar a existencia dun anticiclón á altura de Ourense que favorece os ventos do leste o que fará que ao longo da tarde do domingo se  desprace cara á costa de Pontevedra ata alcanzar a vertical da Península do Morrazo.
Esta situación atmosférica é a que determina que en Cangas predomine o bo tempo: ceos despexados e temperaturas propias da época outonal.
Os mapas de altura amosan como se formarán frontes de muiñeiras, xotas, pasodobres vals… que no seu desprazamento deixarán aplausos e aclamacións, frouxos pola manaña, aumentando a moderados pola tarde sobre todo no litoral, con intervalos de fortes a moi fortes no Auditorio de Cangas ao acabar o día.

Polo miudo:
O domingo ao mediodía unha fronte de músicos e bailaríns se aproximará polo leste desde o interior cara á costa. Espérase que a media tarde faga a súa aparición no auditorio de Cangas para un pase técnico e os últimos detalles. E a partires  das sete coa proxección dos créditos iniciais dará comezo a posta en escena do Espectáculo O Folclore no Camiño a cargo da agrupación folclórica Queixumes dos  Pinos. Vídeos, música tradicional galega, muiñeiras, xotas e todo un amplo repertorio folclórico que non deixará indiferente a ninguén dos asistentes. 

A disposición das isobaras indica que os fluxos de luz e son que alcanzarán o escenario serán predominantemente do noroeste, polo que o son chegará fresco e cargado de claridade ao patio de butacas. Este feito, unido a que  a luz será moi intensa no interior, (as isobaras están moi xuntas), fai prever tamén a formación dalgunhas néboas dispersas nalgúns bailes.

No mapa de superficie, podemos ver como ao sur do escenario, 
isobarasaparecen os músicos baixo a proxección da pantalla de vídeos e un centro de logotipos que fará que o son  se estabilíce e flúa en todas as direccións da sala.
Asociado a esta entrada , vemos un sistema en diagonal , cunha parte maxistral situada no centro de Xota de Xosé, e outra que virará aos  s
ones de Mazaricos. O tempo en Xuvencos estable e un simulacro de tormenta en Mahía pola irrupción case inesperada  de algunha que outra man máis ou menos lixeira, No seu movemento de oeste a leste, a fronte procedente de Valdoferreiro trasladarase cara  Labregos, varrendo a metade oriental de Folgoso  nunha chiscadela a Verdegaio,  e en Fontes será necesario o uso dos paraguas Con todo, toda  esta actividade irá aumentando segundo nos  traslademos cara ao final, onde por influencia do anticiclón de Queixumes, a música será máis sonora e as danzas máis vigorosas. 
Aparte das danzas que a fronte levará ao centro do auditorio, a barreira dos remolinos de Areal fará que minore o vento do noroeste dando paso á muiñeira do Miño que vén cargada de intensas choivas de confetis, acabando nun semirremate espectacular...
E máis nada...ata mañá.

1 comentario:

Puedes dejar un comentario.