Has de cantar,
meniña gaiteira,
has de cantar,
que me morro de pena.
(Cantares Gallegos. Rosalía de
Castro)
Os que ledes este
blogue ben sabedes que o meu non é ser orixinal, sempre copio a idea de algo ou
alguén e manipúloa como me interesa.
Cando souben da
actuación das Cantareiras de Queixumes
veume á cabeza o principio de Cantares Gallegos de Rosalia. Cando souben
as cantigas que ían cantar fíxenme coas súas letras (grazas Angeles por prestarmas) e con elas vou facer o que é habitual en min: copiar.
“Miña nai miña naiciña
Coma miña nai ninguna
Que me quentou a cariña
Co caloriño da súa”.
Muiñeira
de Montemaior.
Creo que non hai cancioneiro popular que non teña aínda que só
sexa unha copla dedicada ás nais e era de lei facer mención a iso cun exemplo
como este, cheo de tenrura e agradecemento a ese ser que nos dá a nosa vida e que daría a súa por nós sen ningunha
dúbida.
Dito isto agora toca manipular.
Os amoríos tamén
abundan e non hai ningún que non comence
cun baile ou un contacto entre os protagonistas.
“Saíde a bailar mociños
Saíde a bailar agora
Saide a bailar mociños
Que a ruadiña vai boa”
Xota
de Xirei
Pero claro para ir ao
baile hai que saír de casa e ás veces non é tan fácil. Hai que negociar con
superiores esferas de poder, por exemplo co tan querido ser que tanto nos quere
da primeira coplilla. E se esas negociacións non son de noso agrado, como ultimatun
sempre lanzamos o noso último cartucho.
“Eu hei de ir aló, que queiras que non
Ou pola ventana, ou polo balcón
Ou polo balcón, ou polo balcón
Eu hei de ir alá que queiras que non”
Xota
de Bembibre
O seguinte é
irremediable se dúas persoas se queren.
“O cariño é un diaño
O cariño é un ladrón
Que nos entra polos ollos
E vai hasta o corazón”
Pasodoble
de Esmeriz
Ai! O amor e o
agarimo. Teñen as súas cousas… e as súas consecuencias, unhas non as vemos
ou facemos crer que non as vemos sobre
todo os pais, pero hai outras que non se poden
ocultar pola súa clara evidencia.
“Anda Maruxiña remenda o refaixo
Que o levas rachado por riba e por baixo
Por riba e por baixo
Por baixo e por riba.
Anda Maruxiña remenda a puntilla”
Foliada
de Tenorio
E está claro hai que
dar explicacións:
“Señor cura, señor cura
Eu a doutrina non lla sei,
Pídame unas cantiguiñas
Que eu llas repenicarei”
Muiñeira
de Santo Amaro.
Aínda que ás veces
piden máis que explicacións e vólvense
uns pesados, nunca descubrín como se decataban de tantas cousas e máis en
cousas destas e sempre había que contalo todo:
“Escoíteme señor cura
Que lle vou decila verdá,
Que durmin con una nena
A noite de Navidá”
Pasodoble
de Esmeriz
Podiamos seguir así
un bo intre máis, que cantigas e estrofas hai máis que suficientes pero debemos
acabar e vouno facer cunha das estrofas que nas súas moi variadas formas sempre
aparece á hora da despedida.
“Voubos dala despedida
A máis non é para marchare
Voulle dala pandeireta
A quena queira tocare”
Muiñeira
de Montemaior
Esta entrada en “Abro
cierro un dos tres” era obrigatoria polo menos por dez razóns: o noso número de cantareiras. Non, non me equivoquei ao contar, son nove;
pero é que unha delas dentro do
grupo , polo menos, ten o valor de dúas:
A profesora de canto e pandeireta, a muller que ensaio tras ensaio busca que a
cantiga galega siga viva con todas elas
e que o consegue introducindo no repertorio novas cancións do rico cancionero popular
galego.
Que sirva tamén como
homenaxe e admiración a todas elas polo traballo que levan e por ser auténticas
transmisoras do noso patrimonio cultural.
E ademais deica pouco
van gravar un CD.
Bravo por elas e por
todo o seu bo facer.
Graciñas Angeles
Non deixedes de visitar estes enlaces:
https://www.youtube.com/watch?v=edRgJ4SjxHM